Aberto o prazo de inscrición do voluntariado para o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Moaña

Moaña 7/5/21– Xa está aberto o prazo para inscribirse como voluntari@ no XV Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se celebrará en Moaña entre os días 5 e 8 de agosto. As persoas interesadas deberán cumprimentar, antes do 25 de xullo, o formulario que está accesible a través da páxina web do evento. A organización resalta o papel da rede de voluntariado como un dos piares fundamentais para a coordinación e organización dun evento desta magnitude.

Serán precisos arredor dun cento de voluntarios e voluntarias para colaborar nas tarefas que se levarán a cabo tanto no mar coma en terra. Poderán inscribirse as persoas de 16 ou máis anos que desexen botar unha man nesta grande festa do patrimonio marítimo-fluvial do norte peninsular. Os menores de idade deberán presentar un documento co consentimento dun proxenitor ou titor legal.  

As actividades realizadas polo voluntariado son múltiples e variadas: Colaboración co comité organizador nos traballos de organización previos ao evento, montaxe e desmontaxe de exposicións, engalanamento da vila con motivos tradicionais e mariñeiros, atención de espazos expositivos e información ao público, servizo de cociña e camareiros na manutención diaria das tripulacións participantes, colaboración cos animadores nas actividades de rúa (xogos, bautismos náuticos, teatro…), axuda ás embarcacións na chegada e baixada ao mar, apoio ás tripulacións no mar (é recomendábel ter o título de PER e experiencia), etc.

As persoas que se inscriban como voluntarias estarán cubertas por un seguro de accidentes e responsabilidade civil concertado por Culturmar, unha das entidades organizadoras xunto co Concello de Moaña e a Asociación Recreativa Cultural Sueste. Ademais, recibirán equipamento identificativo, acreditación e material de continxencia fronte á Covid19, se fose necesario, así como a manutención na carpa mariñeira na súa quenda de colaboración. O voluntariado terá unha sesión informativa previa e recibirán un certificado acreditativo da súa participación.

barcos, Embarcacións, Moaña, Ría de Vigo, voluntarios

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad