Leticia Santos: “Somos unha vila con cultura mariñeira, un pobo solidario e traballador que vai saber arroupar este Encontro”

O Concello de Moaña, xunto coa Federación Galega pola Cultura Marítimo e Fluvial (Culturmar) e a Asociación Recreativa e Cultural ‘Sueste’, é unha das entidades organizadoras do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) deste ano, a primeira vez que se celebra na ría de Vigo. Para a vila morracense, acoller esta 15 edición supón, en palabras da súa alcaldesa, Leticia Santos, “un orgullo” e unha oportunidade de “poñer en valor o noso pasado”.  “Despois desta época tan difícil a nivel social que vivimos, cremos que o noso carácter acolledor e amable vai axudar moito”, afirma.

-Que significa para Moaña acoller a 15 edición deste Encontro?

A verdade é que nos sentimos moi honradas e honrados porque somos unha vila de cultura mariñeira e acoller este encontro é poñer en valor o noso pasado. O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia é un dos máis importantes eventos do estado. Para Moaña é un orgullo que se faga aquí este ano. Nos tempos que corren é unha gran oportunidade para o propio sector turístico e hostaleiro. Esta edición é especialmente importante porque imos ser o primeiro concello de Galicia que acolle o evento despois da pandemia e temos que demostrar que a cultura é seguro e que non debe parar.

-O Grove, A Illa de Arousa, Poio, O Freixo, Muros, A Guarda son algunhas das vilas polas que xa ten pasado o Encontro. Que poderá aportar Moaña de singular? Como nos podemos diferenciar?

Esta vai ser a primeira vez que o encontro está na ría de Vigo. Moaña, dentro do Morrazo, ten moito que achegar e non só na paisaxe, un entorno único no que o mar está presente como unha continuidade. Tamén temos lugares máxicos que a xente vai poder visitar. Somos unha vila con cultura mariñeira, un pobo solidario e traballador que vai saber arroupar este Encontro. Despois desta época tan difícil a nivel social que vivimos, cremos que o noso carácter acolledor e amable vai axudar moito.

-De que maneira se pode involucrar a veciñanza?

De moitísimas maneiras. Poden empezar a decorar e axudarnos a poñer Moaña engalanada para o evento. Adornar as súas vivendas con motivos mariñeiros. A veciñanza tamén pode axudar apuntándose no voluntariado e contribuíndo na organización; botando cadaquén unha man no que poida para facer deste evento algo único. E, desde logo, a xente debe saír a desfrutar desde calquera punto, incluso desde a praia. O importante é gozar do intercambio cultural que durante eses días vai haber en Moaña.

-Manexades algunha previsión de visitantes?

Nós estamos preparados para recibir a todas as persoas que queiran vir, sempre respectando e de acordo cos protocolos vixentes pola Covid-19. O que a xente debe ter claro é que a visita a Moaña é segura. Temos grandes espazos naturais ideais para o espallamento. Moaña vai ofrecer un Encontro seguro no que a xente vai sentirse coma na casa. A xente que decida vir vai desfrutalo.

-Houbo algunha dúbida por parte do Concello de apoiar a iniciativa?

Ao Goberno municipal pareceulle unha iniciativa moi interesante desde o principio. Conseguise aprobar en pleno por unanimidade de todos grupos, que souberon ver o importante que era este Encontro para poñer en valor o noso patrimonio marítimo pesqueiro e como unha gran oportunidade despois de todo o sufrido pola pandemia para reactivar a economía local.

-Que importancia ten para o actual grupo de goberno a posta en valor das tradicións e da cultura do noso país?

Nós cremos que a identidade do noso pobo é un dos principais valores que temos. Saber de onde vimos permite que entendamos mellor quen somos. A veciñanza de Moaña é tradicionalmente mariñeira, xente que vive o mar e mira ao mar. Traballadores dos estaleiros, mariscadoras e bateeiros moven a economía local. Para nós é fundamental que se entenda e se o valore. Somos unha vila afortunada por poder vivir explotando os nosos propios recursos naturais. Na actualidade, Moaña é o único concello que ten dous clubs de remo no máximo nivel, un deporte que nace e se arraiga na vila da tradicional competición dos mariñeiros.

-‘Moaña Son de Mar’ é o lema do concello. Segue a ser o mar un elemento vertebrador?

Si. O lema xoga coa identidade e cos sons. O mar é a identidade do concello. E para nós é un motivo de orgullo.

-Canta xente pode traballar directa ou indirectamente do mar no concello?

Da cifra total da economía local, o mar representa máis do 50%. Son postos de traballos directos, de transporte, peixeiros, mariscadoras, fábricas, estaleiros,…

-Como cualificarías o traballo da Asociación Cultural e Recreativa ‘Sueste’ a prol da recuperación da memoria marítima da vila?

É unha asociación que leva moitos anos traballando co Concello, en colaboración e disposta a axudar sempre que o necesitamos. Valoramos moi positivamente todo o traballo que fan. É un colectivo moi activo e traballa para evitar o esquecemento e por ter na memoria esta cultura mariñeira que, doutra maneira, estaría máis perdida. ‘Sueste’ realiza unha actividade que supón moito esforzo económico e de traballo. Para nós é un orgullo telos ene Moaña. Todos os anos se fai un obradoiro de navegación para a rapazada moza con eles.

Ademais, fan un gran traballo de carpintaría de ribeira. E isto é unha das cousas que máis nos destaca como pobo, porque Moaña é a vila galega con máis talleres deste tipo. Até hai moi poucos anos había sete carpintarías en pé, das poucas que xa quedan na ría de Vigo. En Moaña podemos presumir de que os métodos de pesca artesanais seguen vivos.

Un desexo para eses días…

Que a xente de Moaña e as persoas que veñan o desfruten moitísimo e se fagan xa a partires de aí persoas apaixonadas da cultura marítima pesqueira.

15EETG, barcos, EETG, Embarcacións, Encontros, MAR, Moaña, Ría de Vigo, Verán, Verán 2021

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad