O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia consiste na concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas. Esta concentración acompáñase de actos culturais e de lecer, charlas, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía...
A súa celebración ten como obxectivo principal evidenciar a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de preservalo. Por outra banda, os Encontros amosan o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, ao tempo que supón unha actividade de dinamización social e de lecer, sendo unha festa atractiva para a veciñanza e visitantes da vila que o acolle.
Un aspecto a destacar do traballo que ven desenvolvendo a FGCMF con respecto ao Patrimonio Marítimo Galego en xeral e aos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular, é o seu potencial como elemento de dinamización das comunidades mariñeiras.
Os Encontros dinamizan sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo a conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego. Tamén potencian os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostible, tal e como recomendan os diversos proxectos en marcha da Comunidade Europea e o recente manifesto da comunidade museística internacional co gallo da celebración do Día Mundial dos Museos.
O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrará a súa 15ª edición o próximo verán de 2021, entre o 5 e o 8 de agosto, no Concello de Moaña. Unha vila mariñeira situada ao oeste de Galicia e no centro oeste da provincia de Pontevedra.
Moaña está bañada ao longo de 20 km pola ría de Vigo. Situada en sucesivas pendentes que forman montes e vales, a vila esténdese baixo o Monte Xaxán, onde está situado o pico do Faro de Domaio, o punto máis alto do Morrazo (624 m). É, polo tanto, un lugar xeograficamente accidentado, que permite en pequenas distancias gozar dunha diversificación paisaxística moi ampla.
Con case 20.000 habitantes e unha extensión de algo máis de 35 km², Moaña ocupa a parte meridional da península do Morrazo, un conxunto enmarcado polas rías de Pontevedra e Vigo, que constitúe o seu referente histórico e natural.
Posúe ademais, un clima privilexiado de tipo oceánico, húmido e con lixeiras variacións de temperatura. Os invernos son moi suaves e os veráns secos e cálidos. A temperatura media anual rolda os 15 º (invernos entre 8º-12º e veráns entre 20º-25º).