
O 15º EETG constitúe a súa Comisión de Embarcacións e Navegación
Na tarde do xoves 3 de decembro, e de forma telemática, foi constituída a Comisión de Embarcacións e Navegación do 15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que terá lugar en Moaña do 5 ao 8 de agosto de 2021.
Na reunión participaron representantes dos sectores económicos e deportivos da vila ligados ao mar, incluindo asociacións profesionais ligadas á pesca e acuicultura, náutica deportiva, ocio náutico e remo deportivo entre outros. A coordinación recaerá en representantes de Culturmar e a asociación local Sueste, que xunto ao Concello de Moaña organizan o evento.
Nesta primeira sesión establecéronse as funcións da comisión, que se encargará da loxística para atender á centena de embarcacións esperadas, facilitando fondeos e apoio de mariñeiría. Ademáis este grupo de traballo organizará as actividades marítimas a desenvolver nas catro xornadas. Os asistentes repasaron as actividades realizadas en anteriores encontros e confeccionaron un borrador de axenda para os próximos meses de traballos preparatorios.