Pablo Martínez: “O Encontro de Embarcacións Tradicionais é a gran festa do mar e vai darlle a Moaña moita máis relevancia”

Aínda que cunha historia relativamente recente (xaneiro 2003), a Asociación Cultural e Recreativa ‘Sueste’ está firmemente arraigada no tecido cultural e asociativo de Moaña. Este ano, coincidindo coa súa maioría de idade, ten por diante o gran desafío de organizar a 15 edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará entre os días 5 e 8 de agosto en Moaña. E nesta magna misión andan enredados desde hai máis dun ano os case 35 socios desta asociación, que desde hai 18 anos loita pola recuperación, rehabilitación e construción de embarcacións e por lograr o achegamento deste patrimonio á mocidade.

Pablo Martínez é o presidente de ‘Sueste’ desde o ano 2012. Con el falamos do EETG, do arduo traballo xa realizado, do moito que queda por facer e, sobre todo, do soño de ver como Moaña se converte na capital da maior festa marítimo fluvial do norte peninsular.  

-Que significa para Moaña acoller este Encontro?

Para Moaña é un evento importantísimo. É a festa grande do mar e, de algunha maneira, vai darlle á vila moito máis relevancia.

-Por que decidiu ‘Sueste’ presentarse como entidade organizadora deste evento?

Realmente foi unha petición por parte da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial,  ‘Culturmar’, que é quen convoca este evento desde o ano 1993. Pedíronnos que nos postulásemos como candidatos para esta edición. Insistiron, debatémolo dentro da asociación e decidimos aceptar o reto e o desafío.

-A pandemia alongou e dificultou todos os trámites. Foi moi complicado pechar a organización deste Encontro? 

Bastante máis complicado do que pensabamos porque o primeiro requisito para organizar este evento é que ten que haber apoio unánime do Pleno municipal. Primeiro mantivemos contactos previos con todos os grupos da corporación (BNG, PSdG-PSOE, PP e Xuntos por Moaña), pero coa chegada do confinamento quedou todo parado e houbo que reinicialo meses despois. Foi aprobado en pleno no mes de xuño do ano pasado, cando realmente este trámite tería que estar xa feito en marzo.

-Conseguiron recuperarse os tempos?

Despois deste parón, as tres entidades organizadoras -Culturmar, Concelllo e ’Sueste’- fomos bastante áxiles e rápidas e soubemos superar o atraso inicial con creces. A dous meses case da celebración do Encontro, a programación e organización está practicamente pechada.

-Por que cres que esta 15 edición vai ser distinta?

As circunstancias nas que se vai desenvolver por mor da pandemia son diferentes e, polo tanto, o Encontro tamén. Temos que facer fronte aos inconvenientes propios que ocasiona ter que cumprir co protocolo Covid-19, pero temos ao noso favor que a xente máis ganas que nunca de saír á rúa, de participar de actividades culturais e de lecer e de esquecerse de todo o vivido no último ano. Isto vai provocar unha maior afluencia de visitantes.

-Con cantas embarcacións vai participar ‘Sueste’ no Encontro de Moaña?

Presentaremos unhas sete embarcacións, tanto propias como de socios. Por suposto, a nosa representación estará encabezada polo galeón ‘Eliseo’, construído no ano 1908 sendo, con toda probabilidade, o barco en activo máis antigo de Galicia e un dos de máis antigüidade de España. Tamén poderemos ver navegar pola ría as embarcacións ‘Domaio’, ‘Meiga’, ‘Avoa Merchi’, ‘Gallofeira’, ‘Búrbida’ e o ‘Mecón’.

-É moi custoso manter estas embarcacións?

Si. Requiren moito traballo directo das asociacións e dos propietarios. Os materiais que se empregan para o seu coidado e reparación son bastante caros e hai poucas carpintarías de ribeira que fagan este traballo. Por sorte, a Deputación de Pontevedra habilitou xa liñas de axuda con este obxectivo.

-Que proxectos futuros tedes en ‘Sueste’?

De momento, o maior desafío que temos agora é sacar adiante con éxito o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. E conseguir que sexa todo un éxito. Pero ademais, este temos un par de compromisos nos que sempre nos gusta participar, como é a concentración de embarcacións de Combarro e o campamento de verán para o Concello. Tamén a actividade, ‘Novos usos para os nosos vellos barcos’, un programa dirixido a mozos e mozas, de entre os 15 e 35 anos de idade,  que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude.

-Como está sendo a resposta de inscritos?

O proceso de inscrición está indo bastante ben. Aínda que arrancamos con retraso pola incerteza pola Covid, xa superamos as 70 embarcacións que se anotaron para vir a Moaña. Agardamos superar os cen inscritos e incluso chegar a ter unha maior a asistencia que en edicións anteriores.

-Dos participantes que xa están confirmados, destacarías algunha embarcación en concreto pola súa importancia histórica?

Temos a visita de varias embarcacións vascas, o ‘Rei do Mar’ (O Xufre), o ‘Cortegada’ (Carril),… Tamén van estar barcos fermosísimos de Vigo, unha gamela de Cangas,.. Son todos de gran beleza. Unhas embarcacións cheas de historia que poderemos ver navegar xuntas pola Ría de Vigo.

-Por que animarías á xente a vir a Moaña entre os días 5 e 8 de agosto?

Porque van ver un verdadeiro espectáculo. O primeiro día, o izado de velas vai ser impresionante e moi emotivo. Ver un número tan importante de embarcacións saír a navegar en convoi é algo digno de presenciar. Un espectáculo único que este verán poderemos ver en Moaña.

15EETG, barcos, EETG, Embarcacións, Encontro, Moaña, Verán, Verán 2021

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad