Ao Encontro de Embarcacións Tradicionais De Galicia están convidadas todas as asociacións pertencentes á FGCMF e entidades afíns, tanto de Galicia como doutros países e comunidades, tamén particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.
O Eliseo é un tipo de embarcación coñecida como galeón das rías que foi construído no ano 1908 e botado inicialmente co nome de Pepita. Na actualidade conta polo tanto con 112 anos de idade, sendo probablemente o barco en activo máis antigo en Galicia e un dos de máis antigüidade de España.
Contruído nos Estaleiros Abeijón do Freixo con motivo do IX Encontro de Embarcacións Taradicionais celebrado en Muros en 2009. Desde aquela participou en multitude de actividades, entre as que destacan varios Encontros ou algunhas expedicións como a de Brest 2012, Pasia 2018, Escocia ou outras.
Barco de 1934 cedido polo seu propietario á asociación, e que foi reconstruído en 2010 nunha escola-obradoiro de restauración organizado polo Concello de Muros. Desde aquela o barco participou en multitude de actividades, entre as que caben destacar varios Encontros ou unha expedición a Esposende.
Feita no Cabodeiro, na carpinteria de ribeira de Ramon Pazos, "os Mochitos". Participa nas regatas que todolos anos se desenvolven e ten a honra dun 1ro posto na senlleira, desexada e fermosa Regata da Parrocheira, sendo a primeira dorna en ganala, rematando coa "tirania" dos botes de Ribadeo.
A “Nova Marina” é unha lancha xeiteira construída pola Escola de Carpintería de Ribeira Aixola de Marín en 1993 a partir do pecio recuperado en Caldebarcos da “Marina”. Este pecio pódese ver hoxe en día no Museo Massó de Bueu. Ata 1993 a tipoloxía de lancha xeiteira estaba extinta, cando foi durante séculos a embarcación de pesca máis presente no litoral galego dende a costa coruñesa ata a desembocadura do Miño. Vén o nome da tipoloxía polo súa adicación á pesca da sardiña coa arte do xeito. Actualmente a “Nova Marina”, propiedade da Xunta de Galicia está salvagardada pola Escola de Navegación Tradicional da ACD Dorna de A Illa de Arousa. Podemos considerar á “Nova Marina” o xerme de todo o movemento galego a prol da cultura marítima e fluvial, así como o xerme da creación de CULTURMAR
O "Rei do Mar" é un galeón de ría de 1958, que ao igual que o seu xemelgo “Maravilla” acometeu durante a súa vida laboral como embarcación de cabotaxe funcións de transporte entre as dúas marxes da Ría de Arousa. Desta forma comunicou as localidades de Vilanova e A Illa con Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Posteriormente, pasou a mans dun comprador de peixe e marisco que mercaba o producto no mesmo mar e despois vendía ás fábricas. Os seus últimos anos de actividade profesional pasounos como barco de batea na mesma Ría de Arousa ata finais dos anos dous mil. Adquirido pola ACD Dorna para a súa reconstrucción como barco escola da Escola de Navegación Tradicional Dorna, navega a vela co colectivo dende 2012, gracias ao esforzo de tódalas persoas socias que financiaron o proxecto coa súa cota mensual e que lle adicaron moitas horas de traballo
O Cassandra, foi deseñado por David Hillyard e construído nos Estaleiros Hillyard de Littlehampton (UK) en 1963. Botado co nome de Zincala hai 54 anos, ten unha eslora de 11 metros e unha manga de 3 m A embarcación foi construída en caoba do Senegal con cuadernas de ballesta e remachado en cobre. O pau e a botavara son de piñeiro de Oregón e mantén ata a actualidade case todos os elementos orixinais Durante o temporal Hortensia que azoutou Galicia en outubro de 1984, a embarcación, chega de arribada ás Rias Baixas cando ía camiño do Caribe, permanecendo semiabandonado durante 6 longos anos. Adquirido polos seus actuais propietarios, os irmáns Javier e Fernando Pazó en 1990, rehabilítano para a navegación de cruceiro.
Todo parece indicar que a gamela de Cabo de Cruz aparece na última década do 1800, como consecuencia dunhas condicións de vida que impoñían unha serie de limitacións para acceder a embarcacións máis complexas, e polo tanto, máis custosas, como a dorna, pero necesitábase máis seguridade da que afrecía a gamela común. Isto foi, seguramente, o que lle transmitiron os mariñeiros ó mestre Francisco Places Fernández e o que, conxugando a riqueza constructiva e a complexidade da dorna coa maravillosa simplicidade da gamela, o levou a construir un tipo de embarcación única e exclusiva que, sen dúbida, merecía ser rescatada do esquecemento, para colocala no papel que lle corresponde dentro da rica etnoloxía da ría da Arousa.
O 13/8/2001 foi mercada polo seu actual armador. Anteriormente atopabase na zona da Portela (Redondela), na desembocadura do rio Alvedosa. No ano 2002 procedeuse a súa restauración xa que a embarcación estaba en mal estado. Respetouse o deseño orixinal e cambiouse o último banzo superior do casco, a cuberta, a regala e a roda. A embarcación xa foi construída no ano 1978 para navegar coa vela atina. Foraborda marca British Seagull.
Gamela empregada na recolleita de navalla mediante mergullo e que foi cedida a asociación Mar da pedra e recuperada no 2006 utilizando técnicas actuais, no Campo de Traballo Moaña I organizado por Sueste, reparación que consistiu no arranxo dos dous costados, a borda e a construción dun temón, remos, o engaretado, o pau, a verga e a vela.
15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.