Un emprazamento digno para o Museo do Mar de Moaña

Aínda que moitos veciños e veciñas aínda non o saiban, Moaña conta desde hai pouco cun Museo do Mar. A mágoa é que permaneza en proceso. Agochado e case invisible porque carece dun local digno onde veciñanza e visitantes poidan coñecer todas as marabillas que este Museo en cernes atesoura, até o momento, nun almacén preto da Igrexa do Carme.

Durante o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará entre os días 5 e 8 de agosto en Moaña, veciños e visitantes terán a sorte de poder coñecer parte destes tesouros xa que a asociación disporá dunha carpa de 150 metros cadrados, Nel estarán expostos algúns dos materiais deste incipiente Museo do Mar.

A iniciativa deste Museo do Mar é da Asociación ‘Devanceiros do Mar’, un colectivo integrado por unha ducia do moañeses e moañesas vencellados ao mar que preside Cristóbal Cordeiro Tobío. No almacén que fai de Museo provisional gárdanse xoias cedidas e doadas por veciños e veciñas coa ilusión de que, algún día, poidan estar expostas nun Museo en condicións que sirva para coñecer a historia mariñeira da nosa vila e das súas xentes. “Hai moitas coleccións privadas que están desexando que teñamos un local para cedernos material e que poida visitarse”, explica Cristóbal Cordeiro.     

No almacén que salvagarda os tesouros do mar de Moaña podemos atopar maquetas antigas, aparatos de navegación e todo tipo de aparellos e trebellos para o marisqueo e a pesca. “Intentamos abarcar unha liña do tempo que vaia desde a época dos viquingos até a actualidade”, comenta o presidente da asociación. O obxectivo de ‘Devanceiros do mar’ é que “os rapaces poidan coñecer todo o que hai. A nosa historia”, engade Cordeiro, quen foi un dos artífices desta iniciativa. “Eu tiña unha colección grande na casa e chegou un momento en que xa non tiña onde meter máis cousas”, lembra este capitán de pesca xubilado. E así, en contacto con “xente do oficio” da vila como mariñeiros, redeiras e outros capitáns de pesca, sacaron adiante este fermoso proxecto que, agardan, este ano poida culminar coa inauguración oficial do Museo do Mar de Moaña.   

Cristóbal Cordeiro asegura que é moito o traballo que levan a cabo desde a asociación: Xestións administrativas, organización de espazos, restauración, facer maquetas ou recuperar pezas “que estaban a piques de desaparecer” son algunhas das actividades que consumen gran parte do día a día del e de toda a xente que integra a asociación. Sen embargo, asegura que é unha labor “totalmente gratificante” que compensa todo o esforzo. Conta que sentes unha ledicia inmensa cando ves as caras sorprendidas dos nenos ao ver algúns dos materiais gardados no almacén.

O presidente de ‘Devanceiros do Mar’ asegura que en Moaña hai grandes maquetistas que fan verdadeiras obras de arte. “Co noso traballo tratamos de poñer en alza o valor dos obxectos que nos ceden e iso fainos moi felices”, apunta Cristóbal Cordeiro. Cando se lle pregunta sobre a peza ou o aparello que destacaría, dubida. “Son como a nai que ten varios fillos”, resposta entre risas. Finalmente, comeza a enumerar: Aparatos de navegación, octantes “que xa non se miran”, aparellos dos primeiros barcos que empezaron a ir ao caladoiro do Gran Sol,… E despois lembra unha das “xoias” que lle foron doadas: Un barco de tres metros de eslora que loce orgulloso no museo improvisado. 

O soño de Cristóbal Cordeiro e dos seus compañeiros é que Moaña dispoña, ao igual que outras vilas da bisbarra, dun Museo do Mar propio que mostre con orgullo a cultura mariñeira e engada máis atractivo ao concello. “A ver se o logramos. Como estamos todos xubilados, présa non temos. Imos seguir traballando para que Moaña teña o que se merece”.

15EETG, EETG, Embarcacións, Encontro, MAR, Museo do Mar, Ría de Vigo

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad