Un total de 114 embarcacións tradicionais participarán entre o 5 e o 8 de agosto no XV Encontro de Moaña

O prazo para que asociacións e particulares inscribisen embarcacións para participar no XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia xa está pechado. Un total de 114 embarcacións de diferentes tipoloxías estarán en Moaña entre os días 5 e 8 de agosto. Trátanse de barcos chegados de todas partes de España e incluso de Portugal. Por primeira vez, ademais, este ano participará unha embarcación das Illas Canarias, concretamente o bote escola ‘Las Palmas de Gran Canaria’.

Ao Encontro de Embarcacións Tradicionais De Galicia foron convidadas todas as asociacións pertencentes á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e entidades afíns, tanto de Galicia como doutros países e comunidades, tamén particulares e institucións de interese cultural e patrimonial. Este ano, visitarán Moaña numerosos barcos chegados do País Vasco (Zumaia, Portugalete, Lekeitio e Ondarroa), e de Portugal (Esposende). Ademais, navegarán pola ría embarcacións de infinidade de vilas de Galicia e de todas as rías galegas. Entre o cento de participantes podemos atopar barcos de Vigo, O Grove, Combarro, Ribeira, Sada, Portonovo, Cangas, Cambados, Aguete, Carril, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz, O Freixo, Muros, A Illa de Arousa, A Guarda, Meloxo, Ares, Ferrol ou Lira. Unha amplísima representación de embarcacións tradicionais que pode dar unha idea da gran riqueza marítimo fluvial de Galicia.

Nesta 15 edición, poderanse ver no mar de Moaña embarcacións pertencentes a unhas 25 tipoloxías tradicionais diferentes: botes, gamelas, dornas, bucetas, racús, dornas de tope, traiñeiras, carochos, dornas nai, galeóns, gamelas guardesas, balandros, tarrafas, lanchas xeiteiras, botes de Ribadeo, bateis, choupáns, botes de media construción, botes polbeiros, volanteiros, muletas (catalanas), catraias ou doris bacaloeiras de Euskadi. Será un espectáculo único que terá a ría de Vigo como escenario e que contará coa colaboración activa do voluntariado e das asociacións da vila de Moaña.

15EETG, barcos, Embarcacións, Encontro, MAR, Moaña, Ría de Vigo, Verán, Verán 2021

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad