Xosé Luis Sacau: “A ría de Vigo é un enclave único. A fotografía da flota fondeada na enseada de Moaña vai percorrer o mundo”

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) nace no ano 1993 co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o patrimonio marítimo de Galicia (máis adiante tamén fluvial). Desde hai un ano, Xosé Luis Sacau Fontenla, da Asociación Mar de Muros, preside esta entidade. Fala dos desafíos que ten por diante Culturmar, da sorte de que esta nova edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) teña por escenario Moaña e a ría de Vigo e da riqueza patrimonial que Galicia agocha entre as súas augas. Xosé Luis Sacau leva xa algúns anos traballando para poñer en valor o noso patrimonio marítimo fluvial. Como tantos, chegou aquí despois de sentir a chamada do mar, tras descubrir o pracer da navegación tradicional, e de non escoitar máis que o chío das gaivotas e as ondas do mar.

– Por que é tan importante conservar a tradición mariñeira?

É fundamental. É unha das patas culturais máis importantes do país, un dos motores económicos de desenvolvemento de Galicia e un dos sinais de identidade que nos representa no mundo. A tradición mariñeira de Galicia é algo propio do noso ser que se xestou aquí incorporando elementos da cultura marítima doutras partes do mundo. Non se pode entender o país sen o mar. Entender o mar implica entender toda a cultura que o envolve desde a toponimia, o patrimonio inmoble, os portos tradicionais, as fábricas de salgado,… Tamén forma parte do no noso patrimonio o léxico, as tipoloxías  de embarcacións, as faenas,… Galicia ten un patrimonio cultural enorme que temos que preservar e divulgar.

– Con 15 edicións ás costas, é xa o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia un evento consolidado?

Absolutamente. É un evento que foi sufrindo transformacións e que, na actualidade, ten un formato recoñecido en toda a Península Ibérica e incluso alén das nosas fronteiras, ao longo de toda Europa. O EETG é unha festa moi valoradas que está entre as actividades máis importantes do calendario europeo deste tipo de eventos.

– Quen son os visitantes destes encontros?

Temos un gran abano de visitantes. Por un lado, as tripulacións, que son o centro da festa, xunto co resto de persoas e asociacións que lle dedican moito tempo, esforzo e incluso cartos a manter o patrimonio vivo. No Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia contamos con tripulacións foráneas que veñen do País Vasco, de Cataluña ou de Portugal. Este ano, ademais, teremos a visita dunha embarcación canaria, algo totalmente novo.

A maiores dos tripulantes, participan nos encontros varias delegacións que achegan mostras da súa cultura propia. Persoas que veñen desde Murcia ou o País Vasco e que axudan a facer máis grande este evento.

O resto dos visitantes veñen da contorna da ría de Vigo, de outros lados de Galicia e tamén turistas que se atopan eses días por aquí. E todos visitan os encontros para desfrutar do gran abano de actividades que a organización pon á súa disposición.

– Cal foi a evolución nestes anos?

Os primeiros encontros naceron por iniciativa duns poucos colectivos. Este evento, que naceu simultaneamente con Culturmar, foi cobrando ano a ano unha maior dimensión e, a nivel organizativo, melloraron moito. As propostas contemplan máis actividades e novos programas que acabaron sendo estables, como, por exemplo, o programa inclusivo que chamamos ‘O Mar para tod@s’, nacido hai varias edicións e que contempla actividades no mar para persoas con algún tipo de disfuncionalidade, ou o programa infantil, para que as crianzas se acheguen á cultura mariñeira. Ademais, a medida que foi estendéndose a boa imaxe do encontro ao longo de toda Europa, a asistencia de embarcacións foráneas foi medrando.

– Cara onde debe camiñar o EETG?

A dirección que temos que seguir é a consolidación. Conseguir máis delegacións e estendernos cara outras comunidades, sen deixar de atender a necesidade central de procurar que a flota tradicional galega e os colectivos de Culturmar vexan o seu futuro despexado.

A este respecto un punto de vital importancia é que se desenvolva o decreto que declara como Ben de Interese Cultural Inmaterial (BICI) as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira. Esta norma debe establecer as condicións para que unha embarcación sexa considerada tradicional. Foi un decreto moi demandado, publicado en 2019 pero que a día de hoxe está sen desenvolver. A súa publicación foi un punto de partida, pero non de chegada. As embarcacións tradicionais son a materialización dos saberes dos mestres carpinteiros e, mentres non se desenvolva este decreto, a flota tradicional vese impedida de gozar da protección que legalmente lles outorga a lei, como bens patrimoniais. É urxente que as embarcacións tradicionais poidan desfrutar destas figuras de protección para asegurar a súa supervivencia e que o seu mantemento non supoña unha carga insostible.

– Pola experiencia de edición anteriores, que pode reportar unha festa coma esta á vila organizadora?

Reporta moitísimos beneficios. En primeiro lugar, a xente do mar verá recoñecido o seu traballo, a súa cultura e a forma en que vivían o mar. Ademais, a recuperación desa cultura servirá para que a xente que xa non viviu do mar, para que a xente máis nova e para que as crianzas poidan volver desfrutar dese mar.

O EETG tamén axudará a ampliar a proxección natural da vila a nivel turístico, cultural e mediático. Por experiencia, sabemos que, unha vez rematado o encontro, na vila sempre queda unha sensación de alegría e de satisfacción por ter ofrecido o mellor da súa contorna ao mundo. Poder ver todos os barcos coas velas inchadas é unha estampa irrepetible para a xente da vila, para todas as persoas que participan na organización do evento e para o voluntariado. Todas elas acaban sentindo esta festa como propia. A sensación de unidade e de ter brindado un evento único é un sentimento inesquecible.

Ademais durante eses días, ten un papel destacado a oferta cultural local. Exposicións, mostras, música, poesía,.. forman parte do que Moaña mostrará ao mundo.

– A pesares da pandemia, como está indo a organización desta 15 edición?

Aínda coas restricións derivadas da pandemia, a inscrición de barcos e a participación de delegacións está sendo alta, tendo en conta as dificultades que para algúns colectivos ou entidades galegas ou foráneas supón organizar a súa participación nestas circunstancias. A estimación é que se alcance a cifra de 90 barcos. Organizar unha festa desta magnitude coa incerteza da evolución das condicións sanitarias non foi doado e supuxo un esforzo enorme que felizmente se verá culminado con éxito, grazas ao enorme traballo realizado no Comité Organizador, con especial mención aos membros da asociación ‘Sueste’ e do Concello.

– Como cualificarías o traballo que están a facer as asociacións de recuperación da cultura marítima galega?

Excelente. O feito de que Galicia sexa a comunidade europea con maior número de tipoloxías de embarcacións tradicionais recuperadas é mérito de todas elas. Culturmar naceu hai 28 anos con 5 colectivos e agora xa temos mais de 40. Logrouse recuperar varias tipoloxías que xa estaban esquecidas. Son tipos de embarcacións tradicionais absolutamente propias. Nosas. Xestadas e melloradas a través dos séculos para adaptarse ás condicións dos nosos ríos e mares, faenas e climatoloxía. Na actualidade temos máis de 20 tipoloxías, coas súas variantes, un número moi importante. E iso conseguírono os colectivos a base de recuperar moitos barcos, de restauralos, organizando cursos de formación e manténdoos vivos. A través do puro esforzo en tempo e tamén en cartos.

– Na actualidade, canta xente hai arredor da federación?

Somos 43 entidades distintas. Dentro hai asociacións directamente dedicadas á actividade da navegación tradicional, ao estudo, a aspectos museísticos e de exhibición… É un elenco variado de asociacións centradas na cultura mariñeira. Hai asociacións do ámbito marítimo e fluvial. Asociacións galegas e tamén portuguesas, o que outorga unha perspectiva internacional e tamén de unidade, porque o norte de Portugal e Galicia comparten unha gran parte da súa cultura mariñeira. Son dúas facetas dunha mesma cultura.

– Este encontro é o buque estrela de Culturmar, que outras actividades destacarías?

O noso calendario aliméntase das principais actividades dos nosos colectivos. Aquelas actividades mais senlleiras de cada asociación forman parte do programa da Federación. Nos anos que non temos encontros temos asistido como delegación convidada a distintas actividades en Murcia, Pais Vasco, na Bretaña francesa ou Portugal, entre outros.

– Por que vir a Moaña entre os días 5 e 8 de agosto? Unha ría como a de Vigo é unha contorna xeográfica e cultural de primeira magnitude. Sirva como exemplo toda a literatura medieval das Cantigas que teñen esta ría por escenario. A ría de Vigo e Moaña proporcionan un enclave único, como única será a fotografía da flota fondeada na enseada de Moaña, ben visible desde terra é unha estampa que vai percorrer o mundo.

15EETG, barcos, EETG, Embarcacións, Encontros, MAR, Moaña, Ría de Vigo

15º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

MOAÑA do 5 ao 8 de agosto de 2021

Organización

Patrocinio

Colaboran

Síguenos

Webs relacionadas

Contáctanos

15º EETG. Todos os dereitos reservados.
Deseño e imaxe Diego Seixo.

Esta web utiliza cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao facer clic no botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estes propósitos.    Máis información
Privacidad